federación de asociaciones
ibéricas de compositores
 Registered Users
Manuel Berdullas Del Río
Manuel, Berdullas Del Río
Currículum
Pese a nacer en Vilagarcía, a moi curta idade a súa familia traslada a residencia a A Coruña. Aos 15 anos atópase na obriga de compaxinar os seus estudios musicais cun arduo e difícil traballo no sector do metal, que simultanea durante sete anos. Estudia percusión, harmonía, contrapunto e fuga nos conservatorios de A Coruña, Santiago e Madrid, obtendo o título de Profesor de Música. En paralelo realiza diferentes cursos de perfeccionamento.
Tras dirixir diversas masas corais, no ano 1985 consolídase como músico profesional ao aprobar, mediante oposición libre, unha praza de percusionista na administración pública.
En 1986, xunto con varios xoves compositores cuns fortes ideais, funda o grupo de música contemporánea TALEA (grupo instrumental libre no que se plasma/propón o concepto de música nova), o que considera xerme da Asociación Coruñesa de Compositores (na actualidade inexistente) e da Asociación Galega de Compositores (AGC), da que tamén foi socio co-fundador en 1987 e formou parta da súa primeira xunta directiva como secretario.
Segundo o autor, o grupo Talea, resume as bases da súa ideoloxía musical, aínda vixente na actualidade, pese ao paso dos anos. Nelas se reflexaba a intención de ocupar o espacio baleiro existente no ámbito musical galego dentro da música contemporánea e das novas formacións instrumentais. Este grupo xurdiu como un laboratorio de experiencias musicais novas, e como compromiso coa verdade dunha sociedade cambiante e diversa cuxos conductos de expresión musical son múltiples e cambiantes. En definitiva, tratábase de ser a porta de expresión de novos artistas e compositores coruñeses e galegos, nun intento de converterse na forza de choque en contra das ataduras dunha tradición e dogmatismo musical, que en moitas ocasións os asoballaban sen permitirlles ver con claridade as necesidades dunha expresión musical nova e acorde coa realidade social.
Na súa faceta compositiva cómpre salientar que no ano 1988 iniciou unha investigación sobre criterios compositivos propios, desenrolando conceptos como 'densidades factuais' e cálculos de cocientes en 'Espacios parciais' nunha busca dunha linguaxe propia, na que cobran especial importancia as estructuras matemáticas aplicadas á linguaxe musical, creando así partituras nas que se aprecia unha complexidade de texturas pouco común. Segundo Villar Taboada (VILLAR TABOADA, Carlos, citado en GARCÍA BALADO, Ramón 'Jorge Berdullas, a loita entre o tempo e o espacio'. En: El Correo Gallego, 22-04-2001. pp 9), 'A traxectoria de Berdullas é unha busca inesgotable dun sistema musical científico e persoal, cun claro afán por alzar unha voz propia e independente das principais correntes e grandes mestres', que o converte, atendendo ás verbas do escritor e crítico musical Paco Yáñez: 'Nun caso único na escena musical galega e un dos compositores mais persoais e arriscados da música contemporánea a nivel mundial nas últimas décadas. Como compositor, a súa obra caracterízase pola incesante busca e desenvolvemento, nun proceso que cos anos gañou un peso estrutural difícil de igualar no presente' (YÁÑEZ, Paco. Via Stellae III Festival de Música de Compostela e os seus camiños. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Innovación en Industria. Dirección Xeral de Turismo, 2008, pp.381).
O peculiar traballo deste autor fai que teña artigos dedicados á súa obra en publicacións da envergadura da Gran Enciclopedia Gallega, a Enciclopedia Universal de Galicia, e o Diccionario da Música Española e Hispanoamericana, entre as de fala hispana e no ámbito internacional podemos atopar reseñas sobre a súa vida e obra no 'International Who's Who in music and musicians' Directory (Cambridge), e no American Biographical Institute. Tal é a singularidade das súas composicións, que na novela ...Distancias... (YÁÑEZ, Paco. ...Distancias... A Coruña: Baía Edicións, 2008, pp.82-84) o escritor Paco Yáñez plasma deste modo a displicencia á que se enfronta Berdullas por defender os seus ideais compositivos:
'¡¡¿De Berdullas?!!... ¡¿Tocaron unha obra de Jorge Berdullas?! -preguntou N abraiado e máis doído se cabe por non ter estado alí, por mor da rareza que supuña en si a interpretación en vivo dalgunha das pezas daquel compositor, un dos poucos que N consideraba destacable na escena galega, tanto polas súas obras explorativas dos anos oitenta, como polas xigantescas construcións desenvolvidas a partir dos noventa; en partituras nas que a modo case que de saba se entrelazaban matemática e música para a organización dos tempos simultáneos, en dimensións máis propias de titáns que de persoas, como en Res Facta ou, sobre todo, naquela Apocalipse segundo San Xoán que Berdullas dispuxera para doce grupos orquestrais, doce coros, doce recitadores e doce directores coordinados informaticamente; obras cuxas pretensións e requirimentos facían que pendurasen silenciadas no limbo dunhas partituras só accesibles a ollos altamente preparados, dos que non abundaban, e a círculos moi próximos aos do propio compositor; [...]
- Si, de Berdullas. Deixa que mire no programa como se chamaba a peza, que non me lembro... Metamorfias I, iso foi o que tocaron onte; Metamorfias I para piano e voz.
- ¿ Metamorfias I?! –preguntou sorprendido e alterado N-. ¿E que tal... gustou?
- Pois sinto dicirche que nada; a xente mesmo semellaba que ía marchar, porque foi a última obra do programa e a verdade é que non tiña nada que ver có resto.
- Porque sería o único decente, mira ti. A xente a nada que lle sobe un pouco o listón, a nada que a enfrontan coa modernidade e lle esixen unha escoita activa e reflexiva sae correndo, iso xa pasaba cos últimos cuartetos de Beethoven, pasou coa Primeira de Mahler, con Apparitions de Ligeti, coa maioría das pezas de Helmut Lachenmann e con tantas outras, como agora con Metamorfias I, ou coa outra Metamorfia, o Trifoglio, moitísimo máis complexa e nin tan sequera estreada...'
Entre as súas creacións cómpre destacar El paso (1ª y 2ª partes) op.15a e 15b (1989); Biomecánicas (letanía para o día dos dereitos do home) op.17 (1990); Proun (homenaje a El Lissitzky) op.19 (1991); Cuarteto de cuerdas nº 2 (1991); Alogón (el dominio del caos) op. 20 (1991.); Las estructuras del Caos, op. 23 (1995-96); Res Facta (bajo el impulso de Neoriel) op. 24; (1998- 2000); El Apocalipsis según San Juan, op. 25, e El Apocalipsis según San Juan. De la Explosión del tiempo a las infinitas columnas de la multitemporalidad y matemática de tiempo cero. Op. 25. (2001-2005).
El autor norteamericano Sidney Bertram Smith en Classical mussicians speak out as a new century begins (Gran Bretaña: Melrose Books, 2005), plasma unha síntese do pensamento compositivo de Jorge Berdullas, e verte nun estilo divulgativo, comentarios sobre a súa creación musical incidindo na influencia que éste exercerá na música do século XXI.
Contact
The composer has not given any additional contact information.
 
Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores
Pg. Colom 6 · Espai IV
08002 · Barcelona

Tel. 93 268 37 19
Fax 93 268 12 59
© 2013 Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores