federación de asociaciones
ibéricas de compositores
 Registered Users
Fernando Alonso
Fernando, Alonso
Currículum
Fernando Alonso nace na Coruña en 1961. Aos nove anos comeza a estudar música no conservatorio da súa cidade natal, finalizando o grao profesional de piano no curso 1982-83. No Real Conservatorio Superior de Música de Madrid amplía a súa formación teórica con Ángel Botia (Formas Musicais), Francisco Calés (Contrapunto e Fuga), Luís de Pablo (Técnicas Contemporáneas) e Antón García Abril (Composición), obtendo en 1987 o título de Profesor superior de Solfexo e Teoría da Música. Foi profesor das materias Historia da Música, Historia da Arte, Estética musical e Acústica no Conservatorio Profesional de Música de Madrid durante o curso 1987-88. Actualmente é profesor numerario de Ensino Secundario pola materia de Música.
Estreou composicións propias en varias ocasións, como é o caso da execución, dentro do V ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores, en maio de 1993, do dúo para viola e piano Monodias mélicas a cargo da violista Eugenia Petrova e a pianista Tatiana Prezevalskaya. En marzo de 1996 estrea a suite orquestral El sueño de una noche de verano, no Palacio da Ópera da Coruña, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Alejandro Pousada, obra que tivo nova audición o 10 de agosto de 2006 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, esta vez coa Real Filharmonía de Galicia e baixo a batuta de Maximino Zumalave. Dentro do VI ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores dáse a coñecer a Suite para piano, en xuño de 1996, polo pianista Javier Vázquez Grela, cunha reposición o 13 de marzo de 2010 no Auditorio do Conservatorio de Lugo. En xaneiro de 1997 estréase, na sala de cámara do Palacio da Ópera da Coruña, a música incidental para o conto Los Pájaros Cantores, escenificado pola compañía de teatro infantil 'Trinke-Trinke' e a cargo da Escola de Práctica Orquestral da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de James Ross. En outubro de 1999 prodúcese a estrea da Sinfonietta en fa en Verín, de novo coa Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida esta vez por Carlos Riazuelo. En novembro do mesmo ano, durante o VII ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores, estréase o Nocturno para once instrumentos na sala de cámara do Palacio da Ópera da Coruña, con Florian Vlashi á fronte do Grupo Instrumental Século XX. Xa no VIII ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores danse a coñecer, en decembro de 2000 e no Teatro Rosalía Castro da Coruña, as Tres canciones sobre poemas de Federico García Lorca y una canción popular, interpretadas pola mezzo-soprano María José Ladra e o pianista Javier Vázquez Grela. En marzo de 2001, reestréase a Sinfonietta en fa, no Auditorio de Galicia de Santiago, coa batuta de Maximino Zumalave á fronte da Real Filharmonía de Galicia, cunha primeira reposición na mesma sala o 13 de agosto de 2002, e unha segunda o 23 de xuño de 2005 dirixida, nesta ocasión, por Enrique García Asensio. Dentro do IX ciclo da Asociación Galega de Compositores, o pianista Gabriel López Rodríguez dá a coñecer, en outubro de 2001 e na sala do Museo de Belas Artes da Coruña, Voyages... e Diálogos en la penumbra. Tamén na mesma sala, dentro do X ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores, o pianista Ricardo Descalzo estrea La leyenda de Azalequia y Nirostán en outubro de 2002. Xa no XI ciclo de concertos da Asociación, con Genaro Fernández ao piano, estréase, tamén no Museo de Belas Artes e en setembro de 2003, a Danza báquica y sentimental, cunha nova audición no Centro Galego da Habana o 23 de decembro de 2007 e outra no Conservatorio Profesional de Música da Coruña o 9 de setembro de 2008 a cargo, nestas dúas ocasións, do pianista cubano Antonio Queija. O 13 de novembro de 2009 dáse a coñecer, no Palacio da Ópera da Coruña, a Suite Latinoamericana, coa Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Miguel Harth-Bedoya.
Xa pra rematar, o 4 de novembro de 2011 e tamén no Palacio da Ópera da Coruña, estréase a versión orquestal de Diálogos en la penumbra coa Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a batuta de Pietro Rizzo.
Fernando Alonso pertence á Asociación Galega de Compositores desde 1991.
Contact
The composer has not given any additional contact information.
 
Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores
Pg. Colom 6 · Espai IV
08002 · Barcelona

Tel. 93 268 37 19
Fax 93 268 12 59
© 2013 Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores