federación de asociaciones
ibéricas de compositores
 Acceso miembros
Paulino Pereiro
Paulino, Pereiro
Currículum
Compositor de música sinfónica e de cámara, teatral e cinematográfica, cun amplo catálogo que, na actualidade, consta de 188 obras. A súa música interprétase, á parte de na Galiza, en diferentes países de Europa e América (Francia, Inglaterra, Suíza, Italia, Suecia, Holanda, Albania, Brasil, Colombia e Estados Unidos). Participou na creación da AGC (Asociación Galega de Compositores), formando parte da directiva desde a súa fundación. Na actualidade é Presidente da mesma.
Como conferencista sobre temas musicais impartiu cursos para profesores, presentou unha ponencia sobre a creación musical na Universidade de Verán da Complutense e publicou artículos de prensa sobre este e outros temas. Presentou en Rentería unha ponencia sobre A Variación dentro das Xornadas de Música Contemporánea dirixidas a compositores.
Recibiu dúas bolsas de creación musical da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galiza para a composición das obras SÓS (para barítono e orquestra) e Poema cíclico (para mezzosoprano e cuarteto de corda).
Recibiu o encargo da Universidade de Santiago para a composición da obra orquestral Resplandores do siléncio son as sombras, estreada en Compostela pola Orquestra Sinfónica de Galiza, dirixida por Maximino Zumalave. Participou en varias ocasións nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela.
Como compositor de música escénica realizou, entre outros, os seguintes traballos: O barbeiro de Sevilla. Op. 65 (gravada en CD pola OSG dirixida por Alejandro Posada, finalista do premio María Casares). Cyrano de Bergerac. Op. 72 (gravada en CD pola OSG dirixida por Alejandro Posada, finalista do premio María Casares). Novo de Parmuíde. Op. 25 (música para a longametraxe homónima de Roberto Vidal Bolaño sobre un relato breve de Cunqueiro).
Estreou varias obras sinfónicas entre as que salientan:
Sinfonía nº 1, 'Paisaxes imaxinárias'. Op. 62 (estreada pola OSG dirixida por Antoni Wit). O inferno de Dante. Op. 61 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Antoni Ros Marbá). Orfeo e Dionisos. Op 67 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Maximino Zumalave). Pequena suite para orquestra de corda. Op. 18 (estreada pola Real Filharmonía dirixida por Xoán Trillo). Vestimos as luvas á nosa alma. Op. 55 (elexía para Antón Avilés de Taramancos, estreada pola Real Filharmonía dirixida por Maximino Zumalave). Ceo. Op. 54 (estreada pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Eiji Oue).
Do seu amplo catálogo de música de cámara viron a luz obras para formacións diversas, interpretadas entre outros por Antoni Besses (Variacións Beiras. Op. 48, gravadas en CD), Herre-Jan Stegenga, Florian Vlashi, David Ethève, Tatiana Prezevalskaia, Antonio Arias, José Luís Evangelista, Taller de Música do CGAC, Trío Quantz, Cuarteto Telemann, Shostakovich Ensemble, Taller de Canto do Orfeón Terra a Nosa, Javier Vázquez Grela, María José Ladra, Florian Vlashi, o pianista Jean Pierre Dupuy (que interpretou na BBC a súa obra Atlante), Enmanuel Ferrer, Quinteto de Metais Santa Cecilia, Grupo Instrumental Siglo XX, o cuarteto de violonchelos Chelicia, Luís Perandones e o C Galatea Quartett, etc.
Realizou a sintonía para a entrega dos Premios de Teatro María Casares.
Publicou obras didácticas para o ensino da música no ensino medio (Música 3º ESO) e para os conservatorios:
Caderno de melodías populares. Op. 60
Melodías paisanas. Op. 90
Cancións de aquí e acolá. Op. 71 (con gravación en CD)

Como escritor (membro da AELG) publicou, entre outras, as seguintes obras:
ENSAIOS: Iniciación á linguaxe musical e A música teatral (encargo da Universidade da Coruña). TEATRO: O leitor de Goethe, A representación e Cyrano de Bergerac (en colaboración con Francisco Pillado). NOVELAS: Entre dous (en colaboración con Victoria Salgado), Calidoscopio, Sinfonía cíclica (finalista do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey 2004) e Arredor de Chinto. RELATOS: Desde unha mesa de café, traducido ao español. O relato Posesión incluído no libro, foi premiado no concurso de contos Breogán de Barakaldo. Habitar as illas (Premiado no 'Certame de Creación literaria Carvalho Calero' 2003) POESÍA: Morte do mar. TRADUCIÓNS: Blanche, dans la débâcle des ténèbres versión bilingüe francés-galego do poemario de Daniel Thibaut.
Contacto
El compositor no dispone de información de contacto adicional.
 
Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores
Pg. Colom 6 · Espai IV
08002 · Barcelona

Tel. 93 268 37 19
Fax 93 268 12 59
© 2013 Federación de Asociaciones Ibéricas de Compositores